[:es][vc_row][vc_column][vc_column_text]
O xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra Norte, Ramiro Ruibal, e o primeiro tenente de alcalde da Estrada, Juan Constenla, participaron esta mañá na apertura dun curso sobre medidas hixiénico-sanitarias fronte á Covid-19 dirixido a profesionais dos 90 establecementos da zona adheridos ao Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED).
Este primeiro curso organizado polo GDR e impartido por expertos da consultora CVV Inforaid na Estrada, no que participaron máis dunha ducia de profesionais, terá continuidade cunha nova sesión esta tarde no auditorio do edificio da antiga UNED de Lalín, a partir das 17.00 horas; mañá no auditorio de Vila de Cruces, ás 17.00 horas; e o mércores na Casa da Cultura de Silleda, ás 9.00 horas.
Ramiro Ruibal indicou que, se ben as catro sesións formativas programadas esta semana diríxense aos profesionais dos establecementos acollidos ao SICTED, a vindeira semana están previstos dous novos cursos na Estrada (9.00 horas) e Lalín (17.00 horas), cuxa inscrición abrirase a todos os comerciantes e hostaleiros da zona. Aqueles que estean interesados en asistir só teñen que enviar un correo electrónico cos seus datos antes do vindeiro venres aos seguintes enderezos: alcaldia@aestrada.es ou info@tieninformatica.com.
Todo os participantes nestes cursos, que son obrigatorios para profesionais dalgúns sectores, recibirán un diploma acreditativo. Ademais, o xerente do GDR Pontevedra Norte lembrou que “de existir demanda desta formación noutros concellos da zona poderíanse programar novos cursos”.