O pasado mércores día 7 tivo lugar a Asemblea extraordinaria da ADR Terras de Pontevedra Norte na que foi elixido novo Presidente o Alcalde de Lalín Xosé Crespo Iglesias, que se comprometeu a traballar para manter a excelente liña de traballo que mantiveron os seus predecesores e tentar que a asociación acade o maior número posible de fondos no vindeiro período LEADER.
Os demais membros da Xunta Directiva permanecen nos seus cargos, e tamén entraron a formar parte como vocais o alcalde Rodeiro Rubén Quintá Quintá e o alcalde de Dozón Adolfo Campos Vázquez.
Coa incorporación de Dozón os 8 concellos que compoñen o territorio Pontevedra Norte forman parte da asociación.
Na Asemblea tamén se aprobaron
- MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN
Aprobouse modificar os artigos 18, 19, 20 e 21 que regulan as atribución dos cargos de Presidente, Vicepresidenta, Secretario e Tesoureira para que poidan ordenar pagos de xeito mancomunado calquera deles, ata agora so Presidente e Tesoureira tiñan atribuída esta función.
- MODIFICACION DE ESTRATEXIA
Aprobouse a modificación do plan de xestión da estratexia para dar cabida os novos proxectos elixibles a partires do 18 de marzo de 2021, data na que se publicou unha modificación das bases reguladoras.
Deste xeito o GDR Terras de Pontevedra Norte aposta por colaborar con AGADER no desenvolvemento de plans estratéxicos ou actuacións integrais promovidas directamente por AGADER, convertendo a asociación nun interlocutor do territorio para tentar colaborar no deseño de novas medidas, mellorar a coordinación e facilitar a difusión e implantación das mesmas.
Ademais con esta modificación poderán ser subvencionables os investimentos de natureza non produtiva vinculados a proxectos de mobilización ou recuperación de terras como as actuacións no solo de núcleo rural das aldeas modelo, vinculadas a proxectos de:
- Rehabilitación.
- Rexeneración e renovación do espazo.
- Enerxías renovables
- TIC
- Economía circular.
Tamén poderán ser subvencionables os investimentos vinculados a proxectos de mobilización ou recuperación de terras; estes proxectos poderán incluír actuacións de produción agraria en aldeas modelo, proxectos de mobilidade de terras, permutas de predios agroforestais ou outros instrumentos de mobilización ou recuperación da terra agraria.