O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Pontevedra Norte participa xunto cos outros 23 GDR de Galicia na campaña de dinamización O rural vive. Vive o rural, coa que pretenden contribuír á reactivación económica e social do territorio rural cun investimento conxunto superior aos 900.000 euros, aportados pola Consellería do Medio Rural.
Ademais das accións publicitarias conxuntas en TVG, a Radio Galega e as redes sociais, no caso do GDR Terras de Pontevedra Norte está previsto nos vindeiros meses un investimento aproximado de 70.000 euros principalmente no sector turístico. Concretamente, desenvolveranse accións de formación e asesoramento para profesionais vinculados ao sector, colaborarase con iniciativas institucionais orientadas á reactivación económica e impulsarase unha campaña de promoción do xeodestino Deza-Tabeirós para atraer visitantes do resto de España.
O xerente do GDR, Ramiro Ruibal, sinala que a campaña O rural vive. Vive o rural busca “reactivar a economía do rural, ao tempo que se pon en valor o labor de dinamización que os GDR levan facendo durante 30 anos, a través da xestión dos fondos Leader”.
Concretamente, Ramiro Ruibal lembra que no período 2017-2019 o GDR Terras de Pontevedra Norte recibíu e avaliou 120 proxectos, dos cales foron aprobados 49, que percibiron axudas por un importe global de 2,59 millóns de euros e posibilitaron un investimento conxunto de 5,2 millóns de euros.
123,5 millóns de euros de investimento en toda Galicia
Extrapolando estas cifras ao ámbito galego, os 24 GDR de Galicia posibilitaron entre 2017 e 2020 a través da medida Leader a mobilización dun investimento de 123,5 millóns de euros para o desenvolvemento de 1.042 proxectos. Estes proxectos posibilitaron a creación de 685 postos de traballo directos e a consolidación doutros 2.456 empregos xa existentes.